venres, 21 de xullo de 2023

Menudo lío con Heartstopper...

 

Ilustración da cuberta do tomo 4 de Heartstopper, cómic de Alice Oseman, onde se pode ver aos protagonistas, Nick e Charlie, de espaldas e abrazados.
Ilutración da cuberta do tomo 4 de Heartstopper, de Alice Oseman

Sigo vivo! E a Constelación tamén, o que pasa é que vou lento... Pero quería publicar unha entrada nova para falar sobre un tema que me chamou a atención. Resulta que me enterei por Twitter que en Hungría censurouse un libro para crianzas por "conter esceas sexuais". Cal foi a miña sorpresa ao decatarme de que ese libro era Heartstopper, de Alice Oseman, un cómic do xénero Boys Love ou "amor entre homes/rapaces"... Que aparece na Constelación!!!

Pero que non cunda o pánico!! Dase a "casualidade" de que eu coñezo todas a obras que introduzo na Constelación Corada (non recomendaría nada que non lese antes, ou polo menos que non teña comprobado a súa calidade). Por iso, pódovos asegurar que en ningunha parte de Heartstopper escea sexual ningunha.

E daquela, por que tanto alboroto? Pois en realidade non é sorpresa, Hungría leva xa un tempo aplicando este tipo de políticas LGTBIfóbicas, ao igual que Polonia, e máis recentemente, Italia. Seguindo a súa retórica, a propia homosexualidade é un acto sexual e perverso en si, non apto para crianzas. Aquí podedes ler unha noticia ao respecto.

Isto, por suposto, non son máis ca falacias. A homosexualidade é tan normal como a heterosexualidade e coma o resto de orientacións sexuais e identidades de xénero que forman a diversidade afectivo-sexual humana. Hoxe sabemos que a educación afectivo-sexual é vital para as crianzas, para evitar discriminacións e para protexer a súa saúde integral. 

Censurar este tipo de obras e facerlas inaccesibles, invisibilizando o colectivo LGTBIQ+ nas aulas e nos medios de comunicación, non fai máis que perxudicar as persoas máis vulnerables de toda sociedade: as crianzas. Xa non é só unha violación do seu dereito á educación e ao saber, senón que tamén se podería considerar un atentado contra a súa saúde.

Hungría, aínda dentro da Unión Europea, queda moi lonxe... Pero da medo que partidos políticos españois coma VOX teñan a este país como modelo a seguir. Eu creei esta Constelación Corada con moito mimo e esmero, como ferramenta para traballar a educación sexual en todos os ámbitos, pero en concreto no educativo. Por desgraza, logo do 23 de xullo e de todos os cambios que poida haber a nivel educativo... non estou seguro de se a súa aplicación sería posible nos colexios. 

Non vou mentir: teño medo. Por min, pola parte que me toca, polo meu futuro e polas crianzas de Galiza e de España. Non quero que sufran o que sufrín eu e moitas outras persoas do colectivo LGTBIQ+, desamparadas, ailladas, perseguidas e asustadas...

Non me quero meter en política, pero cando a diversidade afectivo-sexual se emprega como arma de campaña, non me queda outra! Por iso, este domingo antes de votar, pídoche por favor que mires cara as túas crianzas, sobriños, primas, netos... Pensa o páis que lles queres deixar: un que negue os seus dereitos, que os persiga por ser quenes son, que os deixe desprotexidos... Ou un país que os dignifique e respecte, sexan e amen da forma que sexa.

Non, non che vou dicir a quen votar, pero agardo que logo disto teñas polo menos claro a quen NON votar. Pero vota, vota polas crianzas que aínda non poden votar, polos seus dereitos e as súas liberdades.



Vale, e agora deixade que vos actualice un pouco sobre o avance da Constelación Corada. XD

En primeiro lugar, de momento só vou adaptala á área de Lingua Galega e Literatura, que é a materia que emprego para deseñar a Programación Didáctica para as oposicións (iso tamén vai amodo, por se vos interesa).

Amais, estou lendo máis libros para incluir. De momento me interesan obras con representación asexual e bisexual, pero atopo moi pouca cousa para crianzas. Non me extraña, son orientacións xa de por si invisibilizadas, imaxinádevos no mercado literario infantil e xuvenil.

A maiores, estou xa pensando en actividades para ampliar polo menos un trimestre máis a Constelación Corada. Se no primeiro nos centramos nas orientacións sexuais, este segundo será sobre a identidade de xénero (sen deixar de lado unha perspectiva interseccional e transversal de toda a diversidade afectivo-sexual). 

Pódovos adiantar que o primeiro libro sobre o tema será Julia, la niña que tenía sombra de chico de Christian Bruel e Anne Bozellec. Parece ideal porque ten un final moi aberto que anima á reflexión e á libre interpretación. É perfecto para comezar unha conversa distendida co alumnado sobre a identidade (en concreto o xénero non binario) e tamén os roles e a expresión de xénero, avaliando á vez os seus coñecementos previos sobre o tema.

Gustaríame dicir que axiña teredes máis novas, pero a miña situación actual impídeme facer promesas dese tipo. Aínda así, paso a paso faise o camiño, así que non me esquezades que eu non me esquezo de vos! E vos animo a empregar a Constelación Corada nas vosas clases, actividades ou mesmo na casa coas vosas crianzas. E poñédeme que tal foi nos comentarios!

Por último, para non perdervos ningunha actualización da Constelación Corada, podédesme seguir dándolle ao botonciño azul alá arriba á dereita. É moi doado!

Xa non vos roubo máis tempo. Pasade un bo verán! Lémonos!

Menudo lío con Heartstopper...

  Ilutració n da cuberta do tomo 4 de Heartstopper, de Alice Oseman Sigo vivo! E a Constelación tamén, o que pasa é que vou lento... Pero qu...