Avaliación

Esta proposta didáctica contempla tres tipos de avaliación segundo o momento de levala a cabo: inicial, formativa e sumativa. A inicial consistiría nas actividades relacionadas co cómic La Sociedad de los Dragones de Té de Katie O'Neill; a formativa comprende o resto de actividades dos libros do itinerario colectivo; e a final corresponde coas últimas actividades do manga El marido de mi hermano de Gengoroh Tagame. Para saber máis, aconséllase consultar o apartado de Avaliación do TFG. 

As ferramentas de avaliación serían a observación directa, sobre todo nas charlas dialóxicas, e as producións do alumnado en actividades concretas, como as de escritura creativa. Recoméndase empregar rúbricas de avaliación que avalíen o proceso de aprendizaxe, non só os resultados. Así mesmo, é contraindicado facer tests ou exames memorísticos que non son coherentes coa proposta.

Amais da heteroavaliación do profesorado, deberíase brindar ao alumnado a oportunidade de autoavaliarse. O diario lector, por exemplo, é unha ferramenta excelente para autoavaliar o proceso lector. Do mesmo xeito, a avaliación entre pares pode axudar a xestionar o traballo en grupo (desenvolvendo a CAA ou CPSAA e a CSIEE ou a CE), e tamén lle serviría ao profesorado para detectar posibles problemas de convivencia dentro dos equipos.

Por último, deixo un cuestionario de avaliación da proposta didáctica que pode ser cuberto polo alumnado, preferiblemente de forma anónima. Coma sempre, isto é só orientativo e o profesorado pode optar por modificalo ou non aplicalo, mais se recomenda porque permite reflexionar sobre a actuación docente e aprender dela.


Indica se estás de acordo ou non coas seguintes afirmacións sobre as actividades que fixemos na aula da Constelación Corada empregando unha escala do 1 ao 5, onde 1 significa “nada de acordo”, e 5, “totalmente de acordo”:

 

·         As actividades realizadas resultáronme moi entretidas e amenas.

·         As actividades realizadas resultáronme moi aburridas.

·         As actividades realizadas resultáronme demasiado fáciles.

·         As actividades realizadas resultáronme moi difíciles.

·         As actividades realizadas resultáronme interesantes e desafiantes.

·         As actividades realizadas resultáronme creativas e orixinais.

·         O profesorado axudoume a resolver as actividades coas que tiña máis dificultades.

·         Sentín moito abafo á hora de resolver as actividades por culpa do profesorado.

·         O profesorado atendeu as nosas dúbidas e suxestións durante a proposta.

·         O profesorado animou a nosa creatividade e toma de decisións.

·         O profesorado dirixiu as actividades, deixándonos moi pouca liberdade.

·         Sentín que o meu profesorado me respectaba.

·         Sentín que o meu grupo de traballo me respectaba.

·         A convivencia cos membros do meu grupo de traballo non foi doada.

·         Sentín moito abafo á hora de resolver as actividades por culpa do meu grupo de traballo.

·         A Constelación Corada permitiume afondar nas miñas aprendizaxes.

·         A Constelación Corada non me serviu para aprender o que eu quería ou buscaba.

·         As obras da Constelación Corada, en xeral, son boas, de gran calidade e me gustaron moito.

·         As obras da Constelación Corada, en xeral, son malas, de calidade escasa e non me gustaron.

·         O diario de lectura pareceume unha ferramenta interesante coa que aprendín moito.

·         O diario de lectura animoume a ler máis.

·         O diario de lectura pareceume unha ferramenta inútil e pesada que lle rouba o pracer a experiencia lectora.

 

Contesta brevemente as seguintes cuestións:

 

·         Que actividade da Constelación Corada che gustou máis? Por que?

·         Que actividade da Constelación Corada che gustou menos? Por que?

·         Consideras que aprendiches o suficiente sobre diversidade afectivo-sexual? Gustaríache ter afondado máis nalgún tema en concreto? En cal?

·         Consideras que melloraches as túas habilidades lectoras e de escritura? Gustaríache ter lido máis libros ou escrito máis obras literarias?

·         En xeral, gustouche esta proposta didáctica? Que partes cambiarías?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Menudo lío con Heartstopper...

  Ilutració n da cuberta do tomo 4 de Heartstopper, de Alice Oseman Sigo vivo! E a Constelación tamén, o que pasa é que vou lento... Pero qu...