Metodoloxías

 Neste apartado explicaranse brevemente as metodoloxías que se empregan na Constelación Corada: constelacións literarias, charlas dialóxicas e diario lector. Se se desexa profundizar máis, no TFG pódese atopar unha descripción máis polo miudo, así como distintas fontes bibliográficas.

 

Constelacións Literarias

Unha constelación literaria é un conxunto de títulos de obras de distintas disciplinas e xéneros que, alonxados no tempo e no espazo, son unidos mediante un eixo temático. No caso da Constelación Corada, ese eixo é a diversidade afectivo-sexual. O seu nome, Corada, é un guiño á canción Pano Corado de Tanxugueiras, que fai referencia á bandeira do Orgulo LGTBIQ+.

Ao contrario que os itinerarios de lectura, sendo estos listas de libros inconexos e sen sentido que responden a un obxectivo meramente académico e cunha visión etnocentrista na maioría das veces, as constelacións literarias responden aos gustos do alumnado a través dese eixo temático. En definitiva, unha constelación literaria é un itinerario lector feito dende a perspectiva do alumnado, respectando os seus gustos e intereses para motivalo e implicalo no proceso lector.

O seu obxectivo é triple: ensinar a ler boa literatura, consolidar hábitos lectores e compartir un imaxinario cultural colectivo. A presenza de clásicos é, polo tanto, importante, mais esta característica viuse perxudicada debido ás limitacións do mercado literario de LIX con temática LGTBIQ+.

As constelacións literarias permiten establecer relacións entre as obras que a compoñen con facilidade, desenvolvendo a competencia literaria. Tamén animan á lectura e busca de información fóra da aula, esinando así a ler boa literatura.

Na súa disposición non só teñen por que aparecer obras escritas. As cancións, obras plásticas, cómics, álbums ilustrados, animacións, series, curtametraxes e incluso videoxogos poden estar presentes nas constelacións literarias.

Outra vantaxe é que son compatibles coa lectura en contrapunto. É dicir, respectan o itinerario de letura libre e persoal do alumnado, á vez que se desenvolve outro entre toda a aula. Tamén permiten xerar lazos afectivos coa biblioteca, entendida non só como un espazo de garda de libros, senón como unha porta de aceso ao coñecemento, a cultura, o desfrute e o lecer.

Amais destas calidades, optouse por esta metodoloxía porque a literatura é un recurso ideal para introducir a diversidade afectivo-sexual nas aulas de forma natural e normalizada, tal e como recomenda a pedagoxía queer. Así, lógrase desenvolver á vez tanto a educación literaria como a sexual.


Diario Lector

Esta ferramenta metodolóxica consiste nun diario que narra a nosa vida a través dos libros que lemos. Non se trata, polo tanto, dun mero caderno no que escribir resumos por capítulos, senón que o alumnado debe plasmar nel as súas emocións no momento que le, as relacións que fai entre esa lectura e outras ou coas súas vivencias persoais, as súas reflexións sobre os feitos narrados ou os simbolismos das obras poéticas...

O diario lector é, nese sentido, un produto persoal que fai ao alumnado dono do seu propio proceso lector, ao contrario que as actividades de suposta comprensión lectora, que só atenden aos intereses do profesorado.

O emprego do diario lector desenvolve a identidade lectora do alumnado, que aprenderá a discernir a boa da mala literatura e será consciente dos seus gustos e preferencias á hora de ler. Pero quizais a característica máis importante é que pon ao alumnado no centro do seu proceso lector, destacando as súas interpretacións e emocións por riba de todo.

Existen moitísimos formatos para crear un diario lector, e todos eles poden ser compatibles con este REA. Aínda así, débense distinguir dous tipos: un individual, empregado soamente pola persoa dona do mesmo; e un colectivo, a usar un por cada grupo. Como o seu nome indica, o diario individual empregarase coas obras do itinerario individual, e o mesmo co colectivo.

Como xa se explicou, pódese optar polo formato que mellor se adapte a cada un. De todos modos, débese recoller un apartado de impresións do alumnado antes, durante e despois da lectura, para englobar todas as etapas do proceso lector.

Como axuda para o alumnado, pódense empregar unha serie de preguntas, deixando sempre ben claro que o seu carácter é meramente orientativo. Algunhas preguntas de exemplo poden ser:

  • Antes da lectura:
    • Por que escolliches ese libro para ler? Prestoucho alguén? É da biblioteca? Regalároncho?
    • Pensas que che vai gustar logo de ler a sinopse? Que che gustaría atopar nel?
    • Recoñeces a que xénero literario pertence? Sóenche gustar as obras dese xénero?
    • Pola temática, lémbrache a algunha outra obra que xa coñezas? Gustaríache que fose parecida?
  • Durante a lectura:
    • Que sentimentos e emocións che provocan as accións que suceden na obra?
    • Consegue facerche rir a gargalladas, tremer de medo ou chorar a moco tendido? Por que pensas que o logra?
    • Identifícaste con algún dos personaxes? Por que?
    • Viviches alguna situación igual ou similar ca a dos personaxes? Como che fai sentir iso respecto a obra?
    • Comprendes as decisións dos personaxes? Como actuarías ti no seu lugar?
    • Cal é o teu personaxe favorito? E o menos favorito? Por que?
    • Cambiou a túa opinión respecto a algún personaxe ao longo da obra?
  • Logo da lectura:
    • Gustouche a obra? Cumplíronse as túas espectativas?
    • Por que pensas que che gustou (ou non)?
    • Que é o que máis che gustou? E o que menos? Que cambiarías?
    • A que outras obras che lembra esta? Por que?
    • A quen lle recomendarías esta obra? Por que?
    • De que forma impactou esta obra na túa vida?

O diario colectivo funciona exactamente da mesma forma, pero durante a lectura cada membro do grupo pode centrarse nun aspecto distinto da obra (o espazo, o tempo, a trama, os recursos narrativos etc.).

Ao final, pódese escribir unha reseña ou valoración no diario e subila a algunha plataforma web como nun comentario en Goodreads, nun foro da aula virtual habilitado para tal fin ou mesmo neste blog!

 

Charlas Literarias Dialóxicas

Por último, esta metodoloxía consiste nunha charla distendida entre o alumnado sobre unha obra literaria. Estas foron desenvoltas por Ramón Flecha, que buscaba unha metodoloxía coa que poder achegar os clásicos da literatura universal a un alumnado concreto: persoas adultas sen formación e con baixa autoestima respecto ás súas capacidades de análise lieraria. Con isto, demostrou que a través do diálogo calquera é quen de entender unha obra literaria, independentemente da súa formación previa.

Esta metodoloxía, aínda que nacida nun contexto de educación adulta, xa leva anos sendo aplicada noutros niveis como o que aquí nos ocupa. Para levala a cabo no marco desta proposta didáctica, só será necesario seguir as diapositivas da Constelación Corada, xa que nelas se especifica os momentos nos que se require facer unha charla dialóxica e se esta é sobre a obra completa ou soamente un fragmento.

Relacionado a cada charla dialóxica planificada nas diapositivas hai unha serie de cuestións de carácter orientativo. Cómpre destacar que en ningún momento a charla se pode converter nunha entrevista ou interrogatorio individual do profesorado cara o alumnado. O que debe primar nas charlas dialóxicas é, precisamente, o diálogo entre todas as persoas participantes. Esas preguntas, polo tanto, están destinadas a fomentar dita interacción.

Así, segundo o diario lector permite reflexionar de forma individual sobre as obras traballadas coa constelación literaria, as charlas dialóxicas dan a posibilidade de compartir esas diversas interpretacións, creando coñecemento a través da interacción.

Como complemento ás charlas dialóxicas, pódese seguir o método Dime de Aidan Chambers, mais isto sería só opcional.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Menudo lío con Heartstopper...

  Ilutració n da cuberta do tomo 4 de Heartstopper, de Alice Oseman Sigo vivo! E a Constelación tamén, o que pasa é que vou lento... Pero qu...