Constelación

 

 

*DESCARGAR CONSTELACIÓN CORADA*

¡Douvos a benvida á Constelación Corada! Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) pensado para traballar a educación literaria e máis a afectivo-sexual nas aulas de sexto de Educación Primaria da comunidade autónoma de Galiza. O seu deseño é coherente coa nova lei educativa, a LOMLOE, e tamén coa antiga LOMCE, que no curso 2022/2023 seguirá a aplicarse no nivel ao que vai dirixido o REA.

Como funciona?

Este recurso emprega a metodoloxía das constelacións literarias, xunto coas charlas dialóxicas e os diarios de lectura, para desenvolver tanto a educación literaria como a afectivo-sexual do alumnado. A definición e uso destas ferramentas están explicados máis polo miudo na páxina de metodoloxías deste blog.

O emprego da Constelación Corada é sinxelo e intuitivo, tanto como para o profesorado como para o alumnado. Na segunda diapositiva da presentación atópase a propia constelación cunha serie de títulos de distintas obras de LIX, todas elas con algún tipo de representación LGTBIQ+. Non soamente se poden atopar libros, senón tamén series, cancións e curtametraxes, entre outros materiais.

Clicando sobre o título dunha obra ou a súa estrela asociada, a constelación dirixirá á persoa usuaria cara unha pequena descripción do material en cuestión. Así, o alumnado pode escoller de forma autónoma a obra que máis lle chame a atención. Para voltar á diapositiva da constelación, pódese clicar na estrela amarela coa frecha rosa que se atopa na esquina superior dereita.

Existen dous itinerarios de lectura descritos na terceira diapositiva: un colectivo, composto por unha obra principal e varias secundarias pensadas para seren lidas na aula ao longo dun trimestre; e un individual, que cada crianza pode escoller libremente. A diferenza do itinerario individual, o colectivo conta con actividades asociadas a cada obra nas diapositivas seguintes á descripción da mesma.

Ditas actividades están deseñadas para desenvolver unha aprendizaxe funcional e significativa no alumnado mentres se traballa a educación literaria e a afectivo-sexual. Algúns exemplos serían exercicios de escritura creativa libre ou empregando algún recurso literario en concreto, búsqueda de información en libros e na Internet, creación de poesía etc.

Hai actividades tanto individuais como grupais, pensadas para grupos de catro, aínda que nalgunhas concretas o número pode variar. Tamén se desenvolven as catro habilidades básicas da comunicación. Aínda que na súa maioría se adscriben ás áreas de Lingua Galega e Castelá e Literatura, existen asimesmo actividades que desenvolven coñecementos científicos, matemáticos, musicais e incluso físicos.

Se se seguen as diapositivas da presentación unha tras a outra, poderanse ir completando todas as actividades na orde orixinal, a cal é importante pois as obras non están relacionadas unhas coas outras ao chou. Á hora de programar as actividades na aula, o profesorado pode atopar nunha páxina deste blog unha calendarización de carácter orientativo que pode resultar útil á hora de calcular o número de sesións.

Cómpre dicir que, para aplicar este REA nun colexio, é preciso que o alumnado teña dispoñible estes títulos na biblioteca de centro ou de aula, ou polo menos a maioría. Finalmente, o arquivo da constelación pódese descargar dende o enlace enrriba da páxina para que o profesorado poida editar o recurso como desexe, para adaptalo á realidade da súa aula. Por exemplo, podería eliminar unha obra se esta non se atopa na súa biblioteca, así como engadir outras, ou modificar actividades, entre outras moitas opcións.

Persoalmente, aconsello inserir o recurso nun blog de aula ou na aula virtual do curso, e moito mellor se as familias tamén poden acceder a el. Así, o alumnado pode escribir comentarios e reseñas literarias dentro do blog, o que resultaría unha actividade de escritura funcional e contextualizada que enriquecería a súa experiencia.




Este REA naceu, nun primer momento, como o meu Traballo de Fin de Grao de Maxisterio de Educación Primaria pola Universidade da Coruña (UDC). Sen embargo, vinme tan perdido entre as súas estrelas, que este proxecto xa transcende o propio TFG. Isto significa que o meu obxectivo e ampliar a Constelación Corada con máis obras e actividades, podendo converterse nun plan lector anual.

A selección de obras non é a ideal e aínda queda moito por facer. Por exemplo, quero engadir máis obras con representación trans e actividades que traten o tema co alumnado, así como incluir máis interseccionalidade nas obras tratadas. Espero que agradedes con ansia a nova actualización!

De todas formas, que vos parece a Constelación Corada tal e como está agora? Cambiaríades algo? Encantaríame escoitar as vosas opinións! Podedes comentalas directamente nesta páxina ou escribirme ao meu enderezo: rakso.literato@gmail.com co asunto "Constelación Corada". Amais, tamén agradecería moitsímo se compartísedes este REA coas vosas amizades, sobre todo se son docentes de Educación Primaria. Moitas grazas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Menudo lío con Heartstopper...

  Ilutració n da cuberta do tomo 4 de Heartstopper, de Alice Oseman Sigo vivo! E a Constelación tamén, o que pasa é que vou lento... Pero qu...